Retiran eucaliptos e outras árbores invasoras no ámbito da praia fluvial do Lérez
Por Alejandro Espiño
Todos os eucaliptos e acacias, entre outras árbores invasoras, que hai no treito duns 150 metros entre a ponte do ferrocarril e o inicio do sendeiro fluvial do Lérez teñen os días contados. O Concello deu orde de cortalas e plantar no seu sitio árbores autóctonas.
Esta actuación forma parte dun plan destinado á mellora ecolóxica e ao aumento da biodiversidade e da calidade do bosque de ribeira no río Lérez.
Trátase dun treito no que, se ben existen uns poucos exemplares de árbores autóctonas, hai unha notable invasión de especies alóctonas, principalmente acacia (mimosa e acacia negra), robinea e eucaliptos de gran tamaño.
Nesta zona, as árbores medran nun noiro con forte pendente, teñen un sistema de raíces moi superficial que non permite unha suxeición segura e algunhas delas presentan unha considerable inclinación sobre a beirarrúa que conecta a praia fluvial co barrio de Monte Porreiro, segundo explica o goberno municipal.
Os traballos que executa a firma Arbogal contan cun orzamento de case 14.000 euros e suporán a eliminación dos exemplares pertencentes a especies invasoras, así como daqueles que poidan ter comprometida a súa estabilidade ou que presenten un mal estado de saúde. En total, cortaranse unha trintena de árbores.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, destaca que a tala será efectuada por arboristas cualificados mediante o sistema de trepa, baixando as ramas de forma controlada para salvagardar o mobiliario urbano e o resto do arborado, co apoio dun guindastre e dun camión que retirarán a madeira.
As pólas que se acumulen ao final dos traballos de tala trituraranse para o seu emprego como estruturante nos centros de compostaxe municipais, pechando así o ciclo dos materiais.
Nunha primeira fase, as actuacións centraranse na área máis próxima á beira do río Lérez e posteriormente abordarase a tala dos eucaliptos que están pegados á estrada a Monte Porreiro, o que obrigará a realizar un corte eventual do carril de baixada cara a cidade.
A medida adoptarase o martes ou mércores que vén e prolongarase durante unha semana.