Comezan as obras da nova glorieta da PO-308 na praia de Areas
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou o inicio das obras da nova glorieta de acceso á praia de Areas, na PO-308 ao seu paso por Sanxenxo.
Esta nova glorieta forma parte do proxecto de mellora da seguridade viaria da PO-308 entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, unha intervención que conta cun investimento de máis de 420.000 euros.
A rotonda contará con dous carrís de catro metros de ancho cada un e beiravías dun metro. O seu radio exterior será de catorce metros, mentres no interior haberá un illote central e unha zona empedrada contigua de catro metros.
Na zona da curva dos Cotos renovarase o firme, reforzarase a sinalización e balizamento e os sistemas de contención.
Ademais, ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de bus existentes no treito, para evitar que os autobuses interfiran o tráfico durante as paradas.
Executarase algún pequeno tramo de senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de bus ata o paso de peóns máis próximo.
Tamén se modificarán as beirarrúas existentes nas interseccións do tramo para adaptalas á normativa de accesibilidade e reforzarase a sinalización de limitación de velocidade e nos pasos de peóns para facilitar a súa percepción. Sinalizarase ademais a presenza de ciclistas no tramo e substituiranse os fitos de aresta inicialmente previstos nas interseccións para evitar o aparcamento pola ampliación da beirarrúa nos cruzamento.
LEVANTAMENTO DE ACTAS PREVIAS
Por outra banda, Cores Tourís tamén recordou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, convocou para o día 29 de outubro aos titulares dos terreos necesarios para a mellora da seguridade viaria desta estrada PO-308 de cara ao levantamento de actas previas.
Os propietarios das fincas deberán acudir o citado día ao salón de plenos do Concello de Sanxenxo, das 10.00 ás 14.00 horas, tal e como publica este xoves o Diario Oficial de Galicia.