Recollen en Xeve un cogomelo comestible de dez quilos
Por Redacción
O presidente da asociación micolóxica de Pontevedra O´Bioco, Juan Castiñeira, e tamén propietario do restaurante viñoteca O´Bioco, bate o seu propio récord.
Se o ano pasado informabamos do achado dun fungo de oito quilos, nesta ocasión o descubrimento foi maior. Un cogomelo de dez quilos de peso colleitado no Alto do Acibal, en Xeve.
Segundo informa o popular micólogo, trátase dun exemplar de laetiporus sulphureus, coñecido polo nome común de galiña dos bosques, un cogomelo comestible despois do seu procesado, xa que en cru é tóxico.
Para degustar este cogomelo, hai que cocelo en auga e sal, cortado en anacos, durante media hora.
Estes son os pasos que van seguir na cociña de O´Bioco en breve. De momento, aínda o teñen exposto no local, como reclamo para curiosos e amantes dos cogomelos.
Castiñeira cóntanos máis curiosidades deste cogomelo. Trátase dun gran descoñecido na cociña galega aínda que é moi apreciado nos países anglosaxóns, chegando a alcanzar os 400 dólares o quilo en EEUU. Se facemos unha conta rápida, o exemplar colleitado en Xeve podería valer 4.000 dólares alén do Atlántico.
En O´Bioco realizáronse máis de 20 receitas diferentes con este tipo de cogomelos, moi apreciadas polos clientes.
Na Galicia costeira, atópase con facilidade porque saprofita e descompón os tocos dos Eucaliptus globulus. Hai que colleitalo de novo, xa que de maduro vólvese moi duro e cun sabor moi forte.
Relacionadas:
-
Atopan un valioso cogomelo 'reishi' de 8 quilos na Caeira
Por Redacción |
-
Unha parella madrileña atopa unha perla nunha ostra no Bioco
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
Crean no Bioco un xeado con cogomelos e flores de primavera
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Juan Castiñeira bate o seu propio récord cun fungo de 15 quilos: "nesta ocasión vai ser para a xente necesitada"
Por María José Pita |
-
A Asociación Micolóxica Brincabois imparte charlas sobre como identificar os cogomelos
Por Redacción |
-
Achan un fungo xigante de máis de oito quilos en Bora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Descobren unha nova variedade de cogomelo atopado na contorna do lago Castiñeiras
Por Redacción |