A Garda Civil detén os oito membros dunha banda itinerante de ladróns
Por Redacción
A Garda Civil detivo os compoñentes dun grupo criminal afincado na localidade coruñesa de Carballo, especializado en roubos con forza en establecementos de lecer. Atribúenselles preto de medio centenar de roubos en Galicia, Asturias e Castela-León.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, a investigación empezou a principios do mes de xaneiro, tras ter coñecemento de varias denuncias por roubo en varios establecementos de lecer cun mesmo modus operandi, en todos os casos entraban nos locais fracturando o bombín da fechadura da porta.
Normalmente seleccionaban establecementos situados en pequenas localidades e o obxectivo que perseguían era a subtracción da recadación das máquinas recreativas e as caixas rexistradoras.
Os vehículos de alta gama que utilizaban e a ampla experiencia nestes tipos de roubos dificultaron excesivamente as investigacións que viñan realizando para a súa localización. Foi necesario un amplo esforzo de coordinación e análise levado a cabo polas Unidades Orgánicas de Policía Xudicial da Garda Civil das provincias de Oviedo, Pontevedra e Ourense, para concluír que os roubos que se estaban producindo no ámbito rural das súas respectivas demarcacións, ademais da provincia de León, estaban a ser cometidos polo mesmo grupo de delincuentes.
Despois dun exhaustivo control e seguimento dos integrantes do grupo púidose comprobar que estaban asentados na localidade de Carballo.
O pasado mércores, día 2, levou a cabo a fase de explotación da operación que se desenvolveu nas localidades de Carballo, Corcubión e Cambre, todas elas da provincia da Coruña, onde se localizaron e detiveron os oito membros do grupo criminal aos que se lles atribúe a comisión de 40 roubos, algún deles con intimidación e violencia, nas provincias de Asturias, León, Ourense e Pontevedra.
Os detidos pasarán durante as próximas horas ao dispor do xulgado de instrución de garda de Carballo.