Moraña remata a creación dunha nova senda fluvial nos ríos Cornide e Agra
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de rematar as obras do proxecto de recuperación paisaxística dos ríos Cornide e Agra, que incluíu a creación dunha senda fluvial de máis dun quilómetro nas beiras de ambos caudais e a limpeza e posta en valor do lavadoiro do lugar de Agriños.
Esta actuación estivo orzamentada en case 50.000 euros e contou, para o seu financiamento, cunha axuda dos fondos europeos Leader que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla Umia.
As obras, que veñen de ser visitadas pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, para supervisar a súa finalización, centráronse no acondicionamento das marxes destes dous ríos, que ata a data se atopaban en mal estado, e na posta en valor de elementos patrimoniais e etnográficos, un apartado no que se recolleu a citada mellora do lavadoiro ou a preparación do acceso ao muíño.
Con este proxecto conseguiuse crear un espazo de lecer e protección da biodiversidade, mellorar a accesibilidade desta zona de río entre os lugares de Agriños e Barosela –ambos na parroquia de Saiáns–, recuperar unha zona de alto valor ambiental, promocionar as actividades físicas e en grupo por parte da veciñanza e acondicionar o medio natural con defensa das zonas de ribeira en plena natureza.
Deste xeito, creouse un acceso que facilita o tránsito peonil e que recupera esta contorna paralela aos ríos cunha actuación respectuosa co medio ambiente e integrada na paisaxe que permitirá o percorrido por parte de todos os públicos grazas á súa ampla visibilidade e suaves ou nulas pendentes.
Os traballos consistiron nunhas labores iniciais de limpeza con desbroce e poda para a posterior creación dunha senda con dous metros de anchura que se completou coa instalación de tres pasarelas de madeira de pino, a sinalización informativa e a posta en valor do lavadoiro.
Tras a visita, a rexedora local explicou que este investimento enmárcase na aposta do goberno local por crear sendas e percorridos seguros para os veciños en diferentes puntos do municipio e lembrou as acometidas recentemente en Alberguería , Santa Margarida ou Silvoso-O Souto, entre outras. "Vimos de crear un novo espazo de lecer nunha contorna de gran valor ambiental e que ademais favorece a mobilidade e promove os hábitos saudables e a actividade física da veciñanza", detallou Piñeiro.
Relacionadas:
-
Moraña cubrirá os contedores e mellorará a sinalización turística para embelecer a vila
Por Redacción |
-
O novo plan de emprego de Moraña servirá para mellorar infraestruturas municipais
Por Redacción |
-
O Obradoiro de Emprego arranxa once fontes e lavadoiros e de dous sendeiros en Moraña
Por Redacción |
-
Moraña inicia as obras para crear unha senda fluvial nos ríos Cornide e Agra
Por Redacción |