A área sanitaria de Pontevedra activará o plan de continxencia da gripe
Por Oskar Viéitez
A área sanitaria de Pontevedra presentou este venres o seu Plan de continxencia da Gripe 2019-2020 deseñado expresamente polos profesionais sanitarios para a casuística poboacional e asistencial.
O Plan de continxencia da Gripe é un documento elaborado por un amplo equipo de profesionais sanitarios, xunto con Prevención de riscos laborais, co que se pretende evitar as consecuencias máis graves debidas á infección, velando pola prevención de abrochos e prevendo picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais na área sanitaria.
Preténdese xerar unha mínima incidencia sobre o funcionamento dos centros hospitalarios contemplando procedementos alternativos á orde normal de organización para mellorar a accesibilidade aos servizos de Urxencias, reducindo tempos de acceso e estadía e procurando paliar o risco de transmisión intrahospitalaria da gripe.
Habilitaranse áreas específicas nas unidades para o manexo dos pacientes con sospeita de gripe e segundo os estados clínicos destes doentes. Así se procederá a separar os circuítos, de maneira que se facilitará o acceso a Urxencias a aqueles que entren con febre e se procurará axilizar a súa asistencia e ingreso, de ser o caso, e se fará uso de mascariña para evitar contaxios nestas áreas.
Ademais das áreas específicas nos servizos de Urxencias, establecéronse uns criterios de ingreso pactados entre os profesionais, así como un protocolo de atención dos pacientes na planta de hospitalización.