A Deputación lanza 183 contratos en prácticas en empresas da provincia
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva anunciou que a Xunta de Goberno aprobou a selección das 183 firmas colaboradoras, situadas en 27 concellos da provincia, así como as bases para as contratacións dentro do plan "O teu Primeiro Emprego", que ven substituír as bolsas do antigo Plan de Práctica Laboral.
Con este programa a Deputación de Pontevedra busca facilitar que a mocidade con título universitario ou de FP poida acceder a un primeiro emprego cun contrato en prácticas.
As empresas participantes desenvolven a súa actividade nos concellos de Agolada, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Mos, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Dos 183 contratos previstos, cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 1.070.700 euros, 92 serán para persoas con titulación universitaria e 91 para persoas tituladas en ciclos superiores de Formación Profesional.
No primeiro caso, os perfís que máis se demandaron por parte das empresas foron os de persoas tituladas en Enxeñería Industrial (20 solicitudes), grao ou licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (15 solicitudes) e grao en Arquitectura (7), así como grao ou licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, grao en Ciencias Empresariais, grao en Xestión en Medianas e Pequenas Empresas e grao en Comercio, con seis solicitudes de empresas todas elas.
No que atinxe á FP, búscanse por parte das empresas sobre todo persoas tituladas nos ciclos superiores de Administración e Finanzas (houbo 34 solicitudes), Desenvolvemento de Aplicacións Web (8) ou Administración de Sistemas Informáticos en Rede (4), só por citar algunhas.