As Unidades Mixtas de Investigación reforzan os sectores estratéxicos de Galicia
Por Redacción
A realidade socioeconómica actual demanda un tecido empresarial especializado, altamente tecnolóxico e cunha aposta pola innovación.
A Xunta está a impulsar medidas que permitan desenvolver un ecosistema de investigación e innovación en Galicia capaz de situar a economía galega en posición de competir nunha contorna global.
As Unidades Mixtas de Investigación son un instrumento xa consolidado en Galicia. Nesta quinta edición, estímase que se mobilizarán 20 millóns de euros, entre investimento público e privado en materia de tecnoloxía e innovación e a través de 9 centros de innovación, nos que colaborarán empresas e organismos de coñecemento.
Estes proxectos colaborativos concíbense como un instrumento favorecedor da cooperación entre os organismos de investigación e o tecido empresarial de Galicia, para desenvolver de forma conxunta e coordinada actividades de investigación, innovación e desenvolvemento.
Esta liña de apoio á investigación responde á vontade da Xunta de atraer a Galicia proxectos de I+D+i de grandes empresas que son, á súa vez, grandes xeradores de innovación; á convicción de que a política innovadora debe focalizarse na transferencia de coñecemento e recursos do sector público ao privado, así como a valorización de ideas para crear riqueza e emprego; e por último, á aposta polo talento galego simbolizado nos centros tecnolóxicos propios.
SECTORES ESTRATÉXICOS
Os nove proxectos que conforman as Unidades Mixtas de Investigación están centrados en sectores de importancia estratéxica para a economía galega, como son a automoción, o naval, o aeronáutico, o biotecnolóxico ou o forestal.
Nesta edición, cinco proxectos serán de nova creación e vanse consolidar catro iniciativas xa existentes.
O traballo das Unidades Mixtas permite ofrecer unha fórmula híbrida que consensúa o traballo común da iniciativa privada e dos servizos públicos, contribuíndo a un desenvolvemento conxunto centrado na mellora dun eido central. Este esforzo no I+D+i de Galicia vai permitir, asemade, a creación ou mantemento de 133 postos de alta cualificación.
CINCO NOVAS UNIDADES MIXTAS
As iniciativas de nova creación desta convocatoria están co-financiadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 e concrétanse en cinco proxectos: Nautilus, froito da colaboración entre Navantia e Aimen na procura de novos materiais e sistemas para aplicar en buques militares; a cooperación entre Everis e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) na investigación de posibles melloras ao tráfico aéreo; o desenvolvemento do sector forestal a través da contribución conxunta da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a empresa Finsa na busca dun proxecto de economía circular da madeira cara unha construción baixo-enerxética; a participación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) co Grupo Antolín Enxeñería na iniciativa E-Space, que busca renovar os interiores dos vehículos ante os futuros retos da mobilidade e a investigación de solucións electrónicas innovadoras; e a Unidade Mixta de Investigación formada por Aimen e ArcelorMittal para o desenvolvemento de tecnoloxías e novos materiais na fabricación de produtos de aceiro, que combinen a flexibilidade e a axilidade.
CATRO PROXECTOS CONSOLIDADOS
As Unidades Mixtas de Investigación tamén permiten dar continuidade a proxectos que demostran a súa viabilidade e demandan máis medios e tempo para poder aplicar as innovacións que desenvolven.
O apoio da Xunta a proxectos xa iniciados e que demostran a súa importancia estratéxica e innovadora tradúcese na consolidación de catro Unidades Mixtas de Investigación na presente convocatoria: o caso do traballo de Cetaqua con Viaqua sobre a xestión integral das augas galegas iniciado en 2015; a colaboración entre a Universidade da Coruña e Navantia para avanzar no estaleiro do futuro baixo o modelo 4.0; a aposta pola optimización dos procesos produtivos e loxísticos na nova automoción dixitalizada froito do acordo de investigación entre o CTAG e a empresa Viza; e o traballo conxunto na mellora do ámbito sanitario no campo da oncoloxía de precisión da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) con Roche Farma.