Localizan e deteñen en Poio un fuxitivo polaco buscado a nivel internacional
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes de Policía Nacional de Pontevedra lograron durante as dúas últimas semanas localizar e deter dous individuos que levaban tempo buscados por diferentes delitos a nivel internacional, un en Poio e outro na Estrada.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, en Poio detiveron un home de 59 de orixe polaca buscado por un delito contra o patrimonio, en concreto, unha estafa. O detido na Estrada foi un mozo de 25 anos de nacionalidade romanesa reclamado por un delito de intento de homicidio. Ambos tiñan requisitorias pendentes por parte das autoridades xudiciais dos seus respectivos países.
O Grupo de Fuxitivos Internacionais da Comisaría Xeral de Policía Xudicial comunicou ao Grupo de Delitos contra as Persoas da Comisaría de Pontevedra as respectivas ordes de procura internacional, indicando a súa posible localización actual en dúas poboacións diferentes da provincia.
Os axentes policiais iniciaron unha serie de comprobacións e vixilancias que finalmente deron como resultado a localización dos actuais domicilios de ambos os individuos. Durante dous días diferentes, os axentes estableceron dispositivos de vixilancia e lograron a detención de ambos.
Os dous detidos foron trasladados a dependencias policiais pontevedreses e posteriormente a Madrid, onde se fixeron cargo deles os Xulgados Centrais de Instrución da Audiencia Nacional.