A xuízo por tráfico de drogas tres homes localizados na peaxe de Curro levando cocaína nun taxi
Por Redacción
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 8 de outubro a tres homes acusados de senllos delitos contra a saúde pública tras ser localizados transportando droga nun taxi. A Fiscalía pide que sexan condenados a catro anos de cárcere cada un e o pago dunha multa proporcional de 18.212 euros.
Os feitos ocorreron sobre as 22.00 horas do 2 de novembro de 2018 á saída da peaxe da autoestrada AP-9 de Curro, en Barro, cando axentes da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa interceptaron aos agora acusados nun taxi Citroën C-5.
O investigado FC.M.M. levaba unha bolsa transparente e envasada ao baleiro con 166,100 gramos de cocaína cun grao de pureza do 23,61 % "con ánimo de destinala despois á venda ou á distribución entre terceiras persoas", segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía.
O investigado N.V.C. conducía o citado taxi, de cuxa licencia é titular, e o investigado MF.A.L. ocupaba o asento dianteiro dereito do vehículo. A droga levábaa FC.M.M., pero o fiscal sostén que os outros dous investigados sabían que a tiña escondida baixo o seu asento, para vendela despois a terceiras persoas.
O valor no mercado ilícito da droga tóxica incautada no caso da súa venda en gramos sería de 9.130,50 euros.
Ao día seguinte da súa detención, o Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis acordou a e a liberdade provisoria dos outros dous.