O parque empresarial de Nantes empeza a xerar emprego
Por Oskar Viéitez
Cando aínda non se cumpriu un ano desde a posta en marcha do parque empresarial de Nantes, lembremos que foi no mes de novembro de 2018, este avanza na liña esperada, xerando emprego e actividade económica.
Xa son 28 parcelas das 223 que ten o parque empresarial as que acollen a 17 empresas distintas. Algunhas xa están a funcionar con normalidade, outras están a construír as súas naves e hai unha nova empresa, a dezaoito, que solicitou licenza recentemente e tamén está a piques de iniciar as obras das súas instalacións.
Segundo os datos facilitados polo Concello de Sanxenxo, as catro empresas que xa operan con total normalidade son: Cash Eroski, Inelsa, Carpiglob e Madeiras Villanueva. Entre todas elas xeraron 72 postos de traballo directos e "un mínimo doutros 144 indirectos".
As tres empresas que están a construír as súas instalacións son: A illa, Andeona e Escavacións Dopesa.
Entre as 11 empresas restantes algunhas xa contan con licenza, pero non iniciaron as obras e outras seguen cos trámites buricráticos. Entre as once abarcan parcelas que suman máis de 20.000 metros cadrados.
O parque empresarial conta con 223 parcelas para acoller actividade económica, ademais das vinte que son do Concello ou se destinaron a equipamentos como a subestación eléctrica.