A ocupación hostaleira en Sanxenxo achégase ao récord do ano 2017
Por Redacción
O Instituto Nacional de Estadísitca (INE) publicou os datos de ocupación hostaleira do mes de agosto, no que Sanxenxo sumou 246.657 pernoitas superando nun 2,5% os datos de agosto de 2018 cando houbo 240.734 pernoitas.
A suma das pernoitas dos últimos 6 meses reflicte un incremento de 47.381, un 8% máis que o mesmo período de 2018.
Se, ademais, temos en conta os datos que facilitou o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) da primeira quincena de setembro cun 76% de ocupación, 2 puntos máis que o ano pasado, todo apunta a que o balance a final de ano será superior a 2018.
Se comparamos co 2017, ano de récord turístico, nos 6 meses hai unha diferenza de menos de 12.000 pernoitas. Dependendo do que pase nos 3 últimos meses do ano, podémonos atopar que 2019 queda moi preto, iguala e, mesmo, supera as cifras de 2017.
Outro dato especialmente rechamante é o incremento de 28.674 pernoitas nos tres meses previos á tempada alta entre 2017 e 2019.
Estas cifras avalan que o crecemento se está concentrando especialmente na tempada baixa e confirman que aos poucos Sanxenxo está a evolucionar de ser un destino de verán a selo calquera mes do ano.