O psicólogo Javier Urra imparte unha charla sobre empoderamento feminino
Por Redacción
A Biblioteca Vidal Pazos de Marín acolleu este venres a primeira entrega do ciclo de conferencias organizadas polo Concello de Marín, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co obxectivo de afondar no empoderamento feminino e de formar á poboación en cuestión de igualdade de xénero.
A charla, que estivo impartida polo psicólogo e escritor Javier Urra, contou coa presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e outros membros do Goberno local. Nela, o especialista reflexionou sobre a situación actual na que se atopa a lacra da violencia machista, que definiu de "estructural, dado que se da en todos os países".
Urra, que se define como "optimista e alegre", non pode ter a mesma postura con respecto á violencia contra as mulleres. "Neste ámbito son pesimista", asegurou, considerando que o futuro preséntase "difícil" nesta materia e desgranou algunas das actitudes machistas que observa nos adolescentes cos que traballa habitualmente, "tanto nos rapaces como nas rapazas".
Para o psicólogo, a única solución posible á disolución da figura do varón patriarcal é abordar a educación dende unha perspectiva de xénero. "Os homes son educados para eles mesmos e as mulleres, para todos os demáis". Iso trasládase, por exemplo, aos coidados no ámbito privado e familiar, "que sempre recaen sobre as nais, as fillas…".
Durante a súa intervención, Urra tamén falou desde unha perspectiva psicolóxica do comportamento das víctimas que sofren violencia de xénero, de como ás veces é difícil ser consciente da situación propia e das dificultades que supón, en ocasións, asumir a gravidade do que está a acontecer.
Asimesmo, tratou de analizar os crimes machistas que se perpetúan en presenza dos nenos, como o acontecido en Valga, e aqueles que se fan en manada, "que denotan non tanto un desexo sexual, senón un desexo de poder e de mostralo con respecto ao grupo".
A charla de Javier Urra foi unha das actividades englobadas no Plan de Empoderamento Feminino lanzado pola Concellería de Benestar Social do Concello, ao abeiro do Pacto pola Violencia de Xénero. Paralelamente, o CIM ofrece unha serie de formación telemáticas en cuestión de xénero.