A alternativa do Camiño de Santiago polas Marismas de Alba, obxecto de pintadas
Por Redacción
"Dangerous path" na calzada e "danger" nunha pedra. Ou, o que é o mesmo, "Camiño perigoso" e "perigo". Estas dúas advertencias chaman a atención nos últimos días dos peregrinos que utiliza a alternativa do Camiño Portugués a Santiago que pasa polas Marismas de Alba, nas inmediacións da coñecida como Ponte das Cabras.
Trátase de dúas pintadas de autor, ata o de agora, descoñecido que aparentemente pretenden advertir aos camiñantes do perigo deste tramo do Camiño Portugués a Santiago que, neste punto, cruza por un vial de titularidade da Deputación Provincial de Pontevedra.
O autor ou autores utilizaron spray fluorescente e decantáronse polo inglés, idioma que pode chegar aos cada vez máis peregrinos estranxeiros que fan este roteiro xacobea e que, nos últimos tempos, están a usar este traxecto polas marismas de Alba como alternativa ao roteiro tradicional a Santiago.
Nun primeiro momento, este roteiro habilitouse de forma provisional coincidindo co peche da ponte do Burgo por obras, pero, a pesar de que o vial xa está aberto desde hai días, os camiñantes seguen utilizando a alternativa, que discorre por un carreiro entre natureza fronte á alternativa orixinal con máis tramos de asfalto.