Coas mans na masa para axudar na investigación contra o cancro de mama
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Alejandra Garrido ten 45 anos, un traballo fóra de casa, dous fillos que coidar e un espírito solidario sen límite, por iso desde hai días, en canto ten un minuto libre, pon o mandil, acende o forno e empeza a enfornar galletas. É pontevedresa e unha das 34 galleteiras tanto profesionais como afeccionadas que fan posible a iniciativa a nivel estatal 'Galletas contra el cáncer de mama', que ata o 19 de outubro ponse como reto recadar 30.000 euros para a investigación do cancro de mama.
Este é o quinto ano desta iniciativa solidaria que se realiza por cidades de toda España, o segundo de Alejandra. Tras anos resistíndose a participar por falta de tempo, en 2018 sumouse enfornando 500 galletas e a experiencia resultou "moi gratificante", de modo que este outubro volveu a poñerse mans á masa pensando en achegar un gran de fariña para loitar contra unha enfermidade que raro é que unha persoa non teña a ninguén na súa contorna que lle tocara. Ela non a ten, pero lembra "ningún estamos libres de que nos toque mañá".
Como todas as reposteiras de 'Galletas contra el cáncer de mama', Alejandra achega os ingredientes, o tempo e o agarimo para cociñar e vender galletas e doa todo o recadado á Asociación Española contra o Cancro (AECC). "Por pouco diñeiro, podemos facer moito e estámolo demostrando ano tras anos. axúdanos!", piden as promotoras desta iniciativa, que achegan do seu peto todo o material necesario para a fabricación das galletas e, tras o traballo e o investimento, tan só levan a casa a satisfacción de axudar á investigación do cancro de mama.
Esa é a súa achega e piden da cidadanía que colabore adquirindo esas galletas, que, en cada cidade, teñen un deseño e un prezo diferente. En Pontevedra, Alejandra Garrido vende por 1,5 euros unhas galletas en forma de corazón coa mensaxe "Únete al rosa".
"Como hai que facer tantísimas, buscas unha galleta sinxela", explica. Elixiu un corazón "polo amor, o cariño co que nós facemos as galletas", o lema "porque me gusta" e un deseño sinxelo con papel de azucre por adaptar a galleta á vez que ten, que, no seu caso, é pouco.
A venda das galletas empezou o día 1 e terminará o 19, día contra o cancro de mama, pero antes desa data Alejandra xa tiña tantos encargos como galletas vendeu o ano pasado. Era a súa primeira vez e "tiña medo a non vender ningunha", de modo que enfornou 500. É xa o número que lle encargaron este ano, de modo que é optimista: "espero vender moitas máis".
As persoas interesadas en compralas poden facer os seus encargos a través da páxina ''Galletas contra el cáncer de mama', na páxina de Facebook de Alejandra, Mis deseos dulces, por teléfono ou whatsapp no número que se pode atopar nela ou en catro establecementos de negocios que colaboran con ela: a cafetería Citania, a tenda Naty, Ópticas Revenga e Party Fiesta.
A iniciativa ten cada ano un obxectivo maior que o anterior. O primeiro ano recadaron 1.969 euros e desde entón non deixaron de crecer, ata alcanzar o ano pasado os 30.000 euros -o reto era 12.000-. Eses 30.000 euros son o reto deste 2019 e confían en conseguilo, pois tal e como o ve Alejandra, "a xente implícase moito" e "está cada vez máis concienciada".
No seu caso, mesmo hai xente que a para pola rúa para preguntarlle polas galletas e colaborar nesta iniciativa altruísta. Ela xa pon o seu tempo, o material e o seu bo facer, de modo que se atopa con multitude de cidadáns dispostos a facer a súa achega: 1,5 euros por comer unha galleta que axuda no tratamento e a investigación do cancro de mama. Como se pode recadar 30.000 euros en galletas? A conciencia de que "é unha enfermidade que che pode tocar en calquera momento" anima a dar o bocado.