Unha fin de semana de mariscada en mariscada no Grove
Por Diego Torrado & Redacción
Na localidade do Grove, a fin de semana é iso que pasa entre mariscada e mariscada. A vila está inmersa en plena Festa do Marisco e está a deixar imaxes de cheo total tanto na zona de comidas como na praza do Corgo, lugar das citas musicais.
Segundo os datos facilitados polo Concello, os produtos elixidos polos visitantes son o polbo, con 728 racións consumidas na primeira xornada; os mexillóns, con 666 racións; o arroz de mariscos, con 602 racións; e as navallas, con 455.
Ademais, na primeira xornada consumíronse case 900 racións de pan e unhas 600 racións de empanadas de atún, centeo con zamburiñas, mexillón ou polbo. A novidade introducida o ano pasado co cangrexo real está a consolidarse e durante a xornada inaugural deste venres chegáronse ás 100 racións.
Os percebes e as ostras suman outras 500 racións e en canto ás bebidas, este ano a novidade chega da man do viño espumoso, que empeza a maridar cos produtos do mar.
En canto ás actuacións musicais, a programación inclúe 17 concertos de balde e a primeira noite xa foi de éxito. A carpa encheuse de espectadores dispostos a gozar da música trap de MS Nina e Sticky MA na noite do venres e para este sábado están programados Imelda May, Christina Rosenvinge, Triángulo de Amor Bizarro e, para rematar, o DJ Nano Vinilo.
A programación musical da Festa do Marisco inclúe o domingo 6 as actuacións de Xabier Díaz e Adufeiras e o xoves 10 será Dulce Pontes. Novidades Carminha e Holywater actúan o día 11. O 12 de outubro será o turno de Iván Ferreiro, Marem Ladson e Os Amigos dos Músicos; e o domingo 13, un grupo clásico do pop español: Los Secretos.
A programación musical tamén fai un oco ás bandas locais Fla-Meco, @deviño, 5 en Zocas, A Banda do Sequío e Os Firrás.
Relacionadas:
-
A Festa do Marisco pasa o ecuador mantendo o volumen de racións vendidas
Por Redacción |
-
O polbo segue a ser 'trending topic' na Festa do Marisco do Grove
Por Redacción |
-
Vía libre para circular pola autovía do Salnés durante a fin de semana da Festa do Marisco
Por Redacción |
-
A Festa do Marisco arranca con más de 4.000 racións consumidas
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza no Grove a gran mariscada galega
Por Oskar Viéitez |
-
Ultiman o operativo de seguridade para a Festa do Marisco en O Grove
Por Oskar Viéitez |