Esta semana retómanse as queimas de restos forestais e agrícolas
Por Redacción
As condicións meteorolóxicas permiten que a partir deste luns 7 de outubro poidan volver solicitarse permisos para facer queimas de restos agrícolas e forestais amoreados. Este mércores 9 poderán facerse as primeiras accións previamente comunicadas.
Así o acordou a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que permitirá de novo desde este luns tramitar estes permisos de acordo coa normativa de aplicación.
As solicitudes poden realizarse desde a medianoite. En concreto, poderán realizarse as comunicacións e solicitudes de autorización de queimas a través da web do Medio Rural de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. En días laborables, tamén estará a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas.
Os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a devandita lei nos períodos habilitados deberán comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación.
En todo caso, as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.