Máis de 2.500 'conquistados' por Pontebirra, que xa pensa nunha segunda edición
Por Redacción
Máis de 2.500 persoas adquiriron o vaso da primeira edición de Pontebirra, o Festival de Cervexa Artesá de Pontevedra, unha cifra que, en opinión dos impulsores do evento, confirma o éxito da iniciativa.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, destaca que aínda que as condicións meteorolóxicas non acompañaron demasiado durante algunha das xornadas do evento, a primeira edición de Pontebirra foi un rotundo éxito de asistencia de público que significa que "veu para quedarse".
O vaso era necesario para degustar algún dos 90 tipos de cervexa que se puxeron á venda nas carpas da Alameda, de maneira que o feito de que se venderan máis de 2.500 demostra o éxito.
A concelleira de Promoción Económica destacou que houbo especial interese polas marcas 'made in Pontevedra'' e puxo en valor as máis que satisfactorias cifras de negocio e que "houbo un moi bo ambiente", coas mesas cheas e moitísima xente en pé tanto o venres como sábado. O éxito mesmo se puido ver o xoves, día de frío e choiva.
Esteban Loureiro, voceiro da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns (organizadora do festival), expresou a súa satisfacción pola boa acollida dun evento, no que se bebeu moita cervexa, pero no que tamén triunfou a comida, especialmente as croquetas.
Segundo indicou Loureiro, Pontebirra converteuse nun escaparate inmellorable para as cervexas fabricadas en casa, xa que "os asistentes preguntaron un montón polas marcas feitas en Pontevedra". Aposta por repetir o evento, aínda que propón un cambio de datas para evitar o frío.
Neste sentido, a concelleira de Promoción Económica adiantou a súa intención de que a segunda edición de Pontebirra se repita en 2020, con máis stands de cervexa artesá e noutro mes no que o tempo acompañe máis.
Pontebirra contou con 13 das 50 marcas de cervexa artesá existentes en Galicia nestes momentos, e tamén con cervexeiros procedentes de Madrid, León e Ponferrada. Máis do 50% dos participantes foron de Pontevedra, a provincia galega que máis cervexeiros ten.