A alianza entre BNG e Compromiso nótase na candidatura por Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O acordo alcanzado entre o BNG e Compromiso por Galicia (CxG) para concorrer xuntos ás eleccións xerais de novembro provocou cambios na candidatura do partido de Ana Pontón en Pontevedra con respecto á presentada o pasado mes de abril.
Ambas as dúas formacións, que comparten un pasado en común -CxG foi un dos partidos xurdidos da escisión do BNG en 2012-, presentaranse a esta repetición electoral baixo as siglas do BNG e coa concelleira pontevedresa Carme da Silva como cabeza de lista.
Os líderes de ambos os partidos, Ana Pontón e Juan Carlos Piñeiro Docampo, foron os encargados de rubricar este acordo que nace, segundo sinalaron froito da "responsabilidade, xenerosidade e clareza" das súas posicións en defensa dos intereses de Galicia e co "único obxectivo" de que os galegos teñan "representación de país".
O documento asinado destaca que ambos os dous partidos son forzas políticas galegas, "non subordinadas" a ningunha outra de ámbito estatal e "capaces" de defender "con liberdade e garantías" os intereses, dereitos, propostas e aspiracións do pobo galego.
A candidatura nacionalista por Pontevedra, en virtude desta coalición, será lixeiramente diferente á de hai seis meses e, unha das principais incorporacións, será a presenza dunha dirixente de Compromiso por Galicia.
Berta Roldán, membro do Consello Nacional de CxG e número 2 por Pontevedra nas eleccións municipais de maio, ocupará o quinto posto na candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados.
Ademais, acompañando a Da Silva irán tamén o vigués Xesús López Carreira (2), Pilar Xiráldez (3) ou o debuxante Kiko Dasilva, que será o número 4, así como a ex deputada Olaia Fernández Dávila (6) e o pontevedrés Guillerme Vázquez, ex portavoz nacional do BNG, que repetirá como peche da candidatura por Pontevedra, no número 7.
No Senado, pola súa banda, non haberá cambios e os tres candidatos serán André Vidal Capón, Cecilia Pérez Orxe e Segundo González González, procedentes do BNG de Tui, Redondela e Vigo respectivamente.