O PSOE, sen cambios para o 10N: Olga Alonso e Guillermo Meijón, a polo Congreso; Modesto Pose e Marica Adrio, ao Senado
Por Redacción
Din que o que funciona é mellor non tocalo. Con iso en mente, o PSOE optou por non incluír cambios nas súas candidaturas ao Congreso e o Senado para as eleccións xerais do 10 de novembro. Os seus integrantes serán os mesmos cos que, o pasado mes de abril, os socialistas convertéronse en primeira forza en votos.
Así, a viguesa Olga Alonso encabezará a candidatura ao Congreso, seguida do pontevedrés Guillermo Meijón. A tamén viguesa Ángeles Marra será a número 3, mentres que o resto da lista complétase con Jorge Luis María López (Vilanova), Olga Rodríguez Puga (Redondela), Diego Cuiña Iglesias (Silleda) e María Pérez Martínez (Salvaterra).
O veterano Modesto Pose representará a O Salnés como número un para o Senado e estará acompañado da pontevedresa Marica Adrio e por Daniel Chenlo (Pontecesures).
O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra, David Regades, confía en volver a ser a forza máis votada nestas eleccións.
"Hai uns meses dixen que tiña datos científicos de que iamos ser a candidatura gañadora e así quedou demostrado, agora digo que tamén temos datos que nos indican que volveremos ser primeira forza e, por tanto, unha provincia clave para un novo triunfo socialista en Galicia e en España", afirmou.
Na súa opinión, España precisa dun Goberno estable, progresista, cunha profunda axenda social para mitigar os efectos perversos e persistentes da crise, e que non dependa nin da ultradereita fascista nin dos independentistas. "Só así poderemos seguir avanzando", concluíu.