A Deputación seguirá a financiar "proxectos maduros" de Pontevedra con máis de 10 millóns de euros
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Óptima relación. Así describe Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, a conexión que existe co goberno local de Pontevedra. "Estou política e persoalmente encantada", indicou a máxima mandataria provincial cando este martes recibía o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañada polo vicepresidente César Mosquera, concelleiro tamén da corporación pontevedresa.
Os tres explicaban que están satisfeitos co acordo que fora asinado en 2015, que permitiu a Pontevedra desenvolver diferentes proxectos como obras de saneamento, creación de viais ou a construción do campo de fútbol do Príncipe Felipe.
A presidenta provincial indicou que se investiron máis de 10 millóns de euros durante os pasados catro anos nestas iniciativas, ademais doutras actividades culturais e deportivas que foron financiadas pola administración provincial. A intención da Deputación é manter durante este mandato o mesmo investimento.
Neste sentido, o alcalde Fernández Lores sinalaba que as obras previstas para afrontar a través de convenios coa Deputación con máis prioridade serían a reforma de Mollavao, pendente dun informe de Costas; a creación da rede viaria na contorna do Hospital Montecelo e o proxecto do pavillón da Parda. Outras melloras estarían relacionadas co Museo ou con temas relacionados coa igualdade.
En todo caso, tanto Fernández Lores como César Mosquera falaron de que esta fórmula de emprego de diversos convenios permite que os proxectos avanzados e maduros poidan axilizarse nas tramitacións administrativas e evitar que se demoren no tempo.
Na mesma liña manifestábase Carmela Silva para destacar que o marco actual para facilitar os recursos económicos provinciais é flexible, de maneira que se poida adaptar ás necesidades dos concellos.
Relacionadas:
-
A Deputación rende homenaxe ao deporte pontevedrés
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Mundial Júnior de Balonmán de Vigo e Pontevedra desvela o seu cadro de competición
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Explosión multicor para dar o pistoletazo de saída á festa do tríatlon
Por Diego Espiño & Xan Xiadas |
-
Asinado o convenio polo que a Deputación pagará o acondicionamento do local municipal en Ferreiros
Por Redacción |
-
Carmela Silva e Lores presumen de lealdade institucional cun convenio para crear o centro social dos Campos
Por Redacción |