Cortan o tráfico de baixada de Monte Porreiro para tallar eucaliptos de gran tamaño
Por Redacción
O vial de baixada desde o barrio de Monte Porreiro cara ao centro da cidade estará cortado a partir deste mércores para executar traballos de talla dunha decena de eucaliptos de gran tamaño na contorna da praia fluvial. Desde o Concello esperan reabrir ao tráfico a rúa o xoves, pero non descartan manter o peche ata o venres se os traballadores o necesitan.
Os traballos encargados pola concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural á empresa Arbogal, especializada na erradicación de especies invasoras na beira do Lérez, levarán a cabo a actuación coa axuda dun guindastre e mediante a técnica de talla en altura.
O edil responsable desta área, Iván Puentes, explica que o plan forma parte da estratexia para a mellora ecolóxica, o aumento da biodiversidade e a calidade do bosque nun tramo de 150 metros entre a ponte do tren e o inicio do carreiro fuvial. O proxecto contempla a eliminación de todos os eucaliptos e outras especies como as acacias e a plantación posterior de árbores autóctonas.
Ademais dos eucaliptos de gran tamaño, os operarios aproveitarán a intervención para derrubar outros máis pequenos. As ramas que se acumulen ao finalizar a talla serán trituradas e empregaranse como estructurante nos centros de compostaxe municipais.
Iván Puentes lembra que a área de actuación sitúase no Lugar de Interese Comunitario (LIC) do río Lérez, polo que foi precisa a autorizacón da consellería de Medio Ambiente para realizar esta tarefa, cuxo orzamento é de 14.000 euros.