Estudan crear unha APP para avisar de deficiencias no espazo público de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Para o goberno municipal de Pontevedra o mantemento dos espazos públicos da cidade será unha "prioridade absoluta" para o actual mandato. Así o destacou a edil Eva Vilaverde, responsable política do novo departamento que creará o Concello para que se dedique "en exclusiva" a este labor.
Este servizo técnico encargarase, entre outras cuestións, do control e o seguimento do estado dos espazos públicos, revisar como se executan as obras que realizan empresas privadas e dar unha resposta "rápida e inmediata" aos danos que se detecten.
Eva Vilaverde destacou que os espazos públicos de Pontevedra están en "bo estado", pero recoñeceu que o goberno municipal é "consciente" de que o cada vez maior uso que fan os cidadáns das rúas e prazas da cidade provoca que haxa unha "esixencia maior" e haxa que buscar a "excelencia" neste tratamento urbano.
Neste traballo, a participación veciñal será "fundamental", segundo sinalou a edil do BNG. Os cidadáns son os que coñecen as "necesidades evidentes" de cada barrio e as actuacións que deberían ser priorizadas. Así, o Concello pulsará a súa opinión nunha rolda de contactos con todas as asociacións de veciños da cidade.
Estas reunións servirán, segundo a concelleira de Sostemento de Espazos Públicos, para analizar as necesidades "máis urxentes" de cada barrio e decidir "por onde e como" queren os veciños que se empezo a resolver estas deficiencias.
Ademais, Vilaverde avanzou que o goberno municipal "está a valorar" a posibilidade de crear, a semellanza doutras cidades españolas, unha APP para dispositivos móbiles para que os veciños poidan informar de calquera dano no espazo público ou o mobiliario urbano para que estes avisos sexan "o máis accesible posible".
Mentres tanto, o Concello mellorará a plataforma de avisos telemáticos que, actualmente, se pode utilizar a través da páxina web municipal e a canle presencial que, coa creación deste novo departamento, tamén se poñerá en marcha.
Todo este traballo das brigadas municipais completarase cun contrato que xa está en licitación para dar un "impulso importante" ao espazo público. Trátase dunha actuación valorada en 500.000 euros anuais para realizar pequenas obras de reparación, reposicións de mobiliario urbano, traballos de pintura ou colocación de lousas e sinalización vertical.
Os técnicos do Concello están actualmente valorando as catro ofertas presentadas a este contrato, que rexistraron as compañías COVSA, Elsamex, Civis Global e EC Casas.
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
Por mor deste novo contrato, que duplica a cantidade asignada ata o de agora para estes traballos de mantemento, o Partido Popular criticou o que entenden é unha "privatización encuberta" do servizo.
O edil Pablo Fernández lamentou que estas tarefas non sexan asumidas polas brigadas municipais e que estas só se vaian a encargar de "controlar" o que executarán as empresas privadas. "O BNG segue utilizando a política de privatización, a pesar de que no seu programa din que apostan polo público", sinalou.