A Audiencia condena a catro persoas pola venda de cocaína
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia provincial de Pontevedra condenou a catro persoas pola venda de cocaína nas localidades de Lalín e A Estrada.
O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade alcanzado entre as partes que permitiu importantes rebaixas na petición inicial de penas presentada pola Fiscalía e que posibilitará que algúns dos procesados eluda a entrada en prisión.
Así, o dono dun pub na capital dezana e o seu empregado admitiron que se dedicaban á venda de pequenas doses de cocaína no interior do seu establecemento. Enfrontábanse a unha petición de 7 anos de condena, pero finalmente, unha vez admitida a súa autoría, o tribunal impúxolles, ao dono do pub unha pena de 3 anos de prisión e 1.423 euros de multa, coa responsabilidade persoal subsidiaria de 1 mes. Ao empregado condénalle a 2 anos de prisión.
Ténselles en conta as atenuantes de drogadicción e reparación do dano causado. A pena queda suspendida polo que non van ter que ingresar no cárcere.
Nun principio o fiscal tamén solicitaba seis anos de prisión e 18.000 euros de multa para un dos detidos con droga na Estrada. Este acusado ten o agravante de reincidencia, pois o 7 de maio de 2013 terminara de cumprir tres anos de cárcere por delito contra a saúde pública. Este martes foi condenado, coa súa conformidade, á pena de 4 anos e 6 meses de prisión e 6.400 euros de multa coa responsabilidade subsidiaria dun mes.
Por último, o subministrador confeso da droga, tamén foi condenado a 4 anos e 6 meses de prisión e 3.992 euros de multa. No seu caso a suspensión da condena non está acordada coa Fiscalía xa que con anterioridade fora condenado pola Audiencia da Coruña a tres anos por tráfico de drogas, sentencia cuxa suspensión de execución estaba pendente de decisión.
Este caso provén do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Lalín e é froito dunha investigación de Garda Civil da mesma localidade.