Dous clientes incriminan a un taxista de Vilagarcía no transporte dunha partida de droga desde Marín
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra tres homes acusados de tráfico de droga.
Este martes durante a vista oral dous dos procesados recoñeceron os feitos incriminando no transporte dunha partida de cocaína desde Marín ao terceiro procesado, un taxista de Vilagarcía.
De conformidade coa Fiscalía, un home de orixe colombiana Manuel Fernando A. L. coñecido como "Coco" e outro arxentino Francisco Carlos M. M., confesaron a súa autoría asumindo unha proposta de condena de tres anos e un día de prisión como autores dun delito contra a saúde pública.
O recoñecemento dos feitos supúxolles unha rebaixa dun ano na pena solicitada inicialmente pola fiscal e unha multa de dez mil euros.
Con todo, o taxista Nelson V. C., declarouse inocente e asegurou non saber que os seus clientes foran a Marín a comprar droga e que el a levaba dentro do taxi.
O vehículo foi interceptado nun control aleatorio da Garda Civil na peaxe da AP-9 en Curro. Os axentes sospeitaron da actitude dos tres acusados porque se puxeron "moi nerviosos". Ademáis o taxista tiña antecedentes, de maneira que inspeccionaron a fondo o vehículo atopando 162 gramos de cocaína ocultos nos asentos traseiros do vehículo. Unha droga valorada 5.142 euros no mercado ilícito.
Na súa declaración ante o tribunal, os dous clientes aseguraron que chamaban de maneira habitual a este taxista e ese día el "sabía que era para ir a comprar droga, se lo dije claramente", dixo Coco, e relatou como o chofer viu que metían o paquete coa cocaína dentro do coche deixándolles que o escondesen baixo os asentos traseiros.
Nelson insistiu ante as maxistradas da Sección Cuarta que descoñecía que a viaxe a Marín era para comprar droga "si lo hubiera sabido no los hubiera llevado", afirmou.
Despois de ser detido, a Garda Civil incautoulle ao taxista na súa carteira unha papelina de cocaína, xustificando este que era consumidor habitual.
A avogada que exerce a defensa do taxista argumentou que o servizo de transporte foi aleatorio e levou como testemuña a outro taxista vilagarcián que asegurou que ese día os outros dous acusados chamáranlle por teléfono para contratar os seus servizos pero el non puido atenderlles polo que contactaron con Nelson. Esta circunstancia non se puxo en coñecemento do xulgado ata hoxe.
A fiscal pide que este taxista sexa condenado a catro anos de prisión.