Alertan sobre un aumento de roubos a máquinas expendedoras en Pontevedra
Por Redacción
As máquinas expendedoras que hai repartidas pola cidade convertéronse no novo obxectivo dos ladróns. A Policía Nacional recoñeceu que nas últimas semanas están a producirse roubos "reiterados" nestas máquinas e todos eles utilizando o mesmo método.
O último roubo produciuse na madrugada do pasado 5 de outubro. Os axentes sorprenderon un home de 34 anos, veciño de Pontevedra e con antecedentes policiais, forzando unha destas máquinas expendedoras.
Ao ser descuberto polos axentes, tratou de esconderse nun garaxe próximo onde foi detido. Tras realizarlle un cacheo de seguridade, localizaron na súa mochila as moedas que acababa de subtraer da caixa da máquina, un total de 20 euros.
As máquinas, segundo comprobaron os policías, presentaban diversos danos nas caixas das moedas.
O home, xa detido, foi trasladado ás dependencias policiais e será posto a disposición xudicial como presunto autor dun delito de roubo con forza en establecemento.