Dous detidos en Juan Bautista Andrade por esnaquizar retrovisores de coches aparcados
Por Redacción
A Policía Local detivo dous mozos de 22 e 20 anos de idade que foron sorprendidos rompendo os espellos retrovisores dos coches que estaban aparcados na rúa Juan Bautista Andrade.
Segundo informou a propia Policía Local, estes actos vandálicos producíronse contra as sete da mañá do pasado sábado 5 de outubro.
Foi unha alerta cidadá a que puxo sobre aviso a unha patrulla policial que estaba nas inmediacións do campo de fútbol de Pasarón.
Ao chegar á zona na que estaban os mozos, os axentes comprobaron que estes coincidían coa denuncia realizada por este veciño e procederon á súa detención como autores dun delito de danos.
En total, os axentes contabilizaron ata seis retrovisores esnaquizados.