Informan á rapazada das posibilidades laborais que ofrece o mundo do mar
Por Oskar Viéitez
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra informará á mocidade das posibilidades laborais que ofrece o mundo do mar. Así, ata principios de novembro, levaranse a cabo obradoiros nos institutos de Pontevedra, Poio, Marín, Meaño e Sanxenxo.
Con esta iniciativa o GALP quere promover o interese polo sector marítimo-pesqueiro dende unha perspectiva profesional e laboral que free a falta de remuda xeracional que o sector pesqueiro ven experimentando nos últimos anos.
A iniciativa ponse en marcha este venres no IES de Poio, e continuará a súa andaina nos institutos Illa de Tambo, Mestre Landín e Chan do Monte de Marín; Johán Carballeira de Bueu, Sanxenxo, Meaño e Xunqueira I de Pontevedra.
Nos obradoiros, dun xeito áxil e dinámico, os técnicos do GALP amosarán aos alumnos de ESO e Bacharelato as distintas titulacións e saídas profesionais que ofrece o mundo do mar.
Ademais das charlas informativas nos centros, os participantes poderán realizar visitas guiadas a distintas empresas e entidades do sector, a través das cales vivir de primeira man os oficios e experiencias dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro.