Atropelan a un policía local en Vilagarcía
Por Redacción
Un axente da Policía Local de Vilagarcía resultó ferido este mércores ao ser atropelado por un coche nun dos pasos de peóns da avenida das Carolinas, na saída de Vilagarcía cara a Pontevedra. O suceso produciuse ao redor das 9.20 horas cando o policía regulaba o tránsito de persoas e vehículos, o condutor do turismo, un vilagarcián de 72 anos, viuse cegado polo sol e non puido evitar golpear ao axente.
O garda saíu despedido e caeu ao chan despois de golpearse contra o parabrisas pero a pesar do aparatoso do accidente todo quedou nun susto. O traballador foi trasladado ao hospital para practicarlle probas médicas que confirmaron que non sofre ningunha rotura nin lesións internas. Con todo, terá que estar uns días de baixa mentres se recupera das mazaduras provocadas pola caída.
Desde a Policía Local recoñecen que o problema do sol de fronte é algo co que teñen lidar a miúdo nesa zona durante as primeiras horas da mañá. Por iso tentan que os condutores circulen coa maior prudencia posible.