
© Deputación de Pontevedra
Rosa Cobo: "Non hai industria do sexo nin turismo sexual, é a industria da explotación sexual. É unha actividade criminal"

Por Redacción

© Deputación de Pontevedra

© Deputación de Pontevedra

© Deputación de Pontevedra
Analizar o que significa para o corpo das mulleres a prostitución, os ventres de alugueiro, a trata ou a pornografía. Ese foi o fío condutor da xornada "Mercantilización do corpo das mulleres" que a Escola de Igualdade María Vinyals, impulsada pola Deputación de Pontevedra, organizou este mércores no castelo de Soutomaior.
A xornada que comezou cunha "lembranza de xustiza e desagravio", como a definiu a presidenta provincial Carmela Silva, ás Trece Rosas, desenvolveuse cun cheo absoluto e co espírito de denunciar que todas estas manifestacións de "violencia suprema" contra as mulleres "teñen que rematar".
"Non podemos quedarnos de brazos cruzados ou seguir no tempo de silencio", destacou Silva na inauguración, engadindo que ante fenómenos como a prostitución a única posición "ética, decente e humanamente aceptable" é o abolicionismo "e dicímolo con orgullo", de xeito que a igualdade sexa "o centro de todas as cousas".
A xornada arrancou precisamente cunha conferencia sobre a prostitución, presentada pola xornalista de PontevedraViva Natalia Puga, que impartiu Rosa Cobo. Esta doutora en Ciencias Políticas denunciou que a "industria" da explotación sexual actúe como unha "multinacional do crime" e avogou firmemente por acabar con este "circuíto mafioso".
O sistema patriarcal e o capitalismo, segundo Cobo, forman unha "alianza" que impide que esta explotación "non se desactive" e manteñen un mundo no que "os bárbaros do patriarcado encontran o seu hábitat natural", aínda que mostrouse convencida de que cando as políticas abolicionistas cheguen a toda Europa "comprenderemos que a prostitución foi unha barbarie"
Esta experta considera que este negocio non se pode manter sen a "complicidade" dos respectivos gobernos e das "elites económicas e políticas" dos Estados, o que lle permitiu que, tras o mercado ilegal de armas, a explotación sexual comparta co narcotráfico os primeiros postos das economías "ilícitas" que obteñen máis beneficios.
Tras definir os prostíbulos como "campos de concentración", Rosa Cobo pediu enviar os "puteiros" a mensaxe de que as mulleres "non imos a estar dispoñibles" para eles e esixiu identificar a quen se beneficia destas actividades, entre os que citou hoteis, pensións, bares, inmobiliarias, taxistas, farmacias ou periódicos que publican anuncios de contactos.
TRATA SEXUAL
A presidenta da Rede galega contra a trata sexual, Silvia Pérez, engadiu que a trata de mulleres se está a configurar como "chivo expiatorio" da nosa sociedade para seguir sen afrontar o tema da prostitución e asegurou que o feito de que non se estea abordando este tema como violencia contra as mulleres "é de por si unha perversión".
Pérez abordou a problemática de que, no tema da trata sexual, hai forzas e corpos de seguridade do estado "que din que as mulleres declaran que estaban alí porque elas querían, pero iso non é o que importa, o importante é que se están a vulnerar os dereitos humanos", xa que "noutros temas a vontade da vítima é irrelevante, pero no caso da trata sexual non".
O corpo feminino "non é un tanque" no que se poida experimentar con técnicas de reprodución asistida, afirma a activista Ángeles Álvarez
A este respecto, a relatora expuxo os datos do estudo exploratorio de trata de persoas en Galicia, nos que se amosa que houbo 1.500 vítimas de trata sexual en dous anos e, sen embargo, só cinco delas pasaron a ser investigadas nun procedemento xudicial.
VENTRES DE ALUGUEIRO
Pola súa banda, na súa intervención a activista Ángeles Álvarez instou o Estado a poñer límites e prohibir de forma "tallante" o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos como fan países como Alemaña, xa que sinalou que o corpo feminino "non é un tanque" no que se poida experimentar con técnicas de reprodución asistida.
Álvarez, experta en violencia de xénero, reivindicou cambios normativos e legais que declaren "ilícita" esta práctica e mesmo tipificala como delito, prohibindo a súa publicidade ou que se realice no territorio español calquera actividade de intermediación de servizos relacionados co aluguer de mulleres para a reprodución de seres humanos.
Ademais, fronte a novos termos lingüísticos que vinculan esta práctica coa maternidade, a activista recordou que "hai que chamar as cousas polo seu nome" e insistiu en que o embarazo e o parto "son un feito real e biolóxico e non unha técnica", polo que "deshumanizar" as capacidades reprodutivas das mulleres "asimílaas aos vexetais".
Relacionadas:
-
Carmela Silva pide por carta a Susana López Abella que a Xunta inclúa os prostíbulos entre os locais pechados pola covid-19
Por Redacción |
-
RADIO.- Mabel Lozano: "pechar os bordeis sen unha lexislación é condenar ás mulleres prostituídas a unha marxinalidade maior"
Por Marisa Ciordia |
-
A Escola de Igualdade María Vinyals analizará en outubro a mercantilización do corpo das mulleres
Por Natalia Puga |