Dous anos e medio de prisión por atropelar en Noalla á súa parella, da que tiña orde de afastamento
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar unha condena previa do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra contra un veciño de Noalla, en Sanxenxo, que recoñeceu atropelar á súa parella, causándolle graves lesións. A pena recentemente confirmada implica dous anos de prisión por un delito de lesións e outros seis meses por quebrantamento de condena.
O acusado conformouse con esta pena imposta polo Penal, pero o caso chegou á Audiencia porque a vítima recorreu por discrepancias coa responsabilidade civil que deberá abonarlle: 71.896,54 euros polas lesións (14.107,18 euros polos días de sanidade, 4.7504,14 euros por secuelas funcionais, 10.285,22 euros por prexuízo estético, máis factor de corrección en todos os casos) e 3.180 euros polos gastos de fisioterapia.
A vítima, veciña de Vilanova, e o acusado, de Sanxenxo, mantiveran unha relación tempo atrás, durante a que o acusado fora condenado polo Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa por un delito de malos tratos ás penas de 32 días de traballos en beneficio da comunidade, 8 meses de privación á tenencia e porte de armas, 12 meses de prohibición de aproximación e comunicación á vítima.
A pesar diso, semanas despois da condena, retomaron a súa relación de parella e o día dos feitos, o 2 de novembro de 2012, quedaron no domicilio do acusado en Noalla con motivo do aniversario del. Á chegada da muller, o home estaba no seu coche Volkswagen Golf coa intención de abandonar o seu domicilio e ambos empezaron a discutir acaloradamente. O motivo da pelexa é que ela se atrasou na súa hora de chegada e el reclamáballo de maneira alterada e nerviosa.
A moza subiu ao vehículo e alí continuou a discusión, chegando ela a quitar as chaves do contacto para evitar que se marchase. Con todo, el pediullas, ela regresoullas e el acendeu o coche. Nese momento, ela decidiu baixarse do vehículo e colocarse diante do mesmo, sen que o acusado perdese contacto visual con ela en ningún momento. Cando ela se estaba sentando no chan para evitar que el abandonase o lugar, atropelouna.
Segundo consta na sentenza coa que el mostrou a súa conformidade, o acusado actuou "coa clara intención de menoscabar a súa integridade física e psíquica", arrincou o coche de tal forma que lle pasou por encima do corpo da súa parella, primeiro coas rodas dianteiras e despois coas traseiras.
Como consecuencia destes feitos, a muller sufriu erosións, contusións e fracturas graves por todo o corpo polas que tivo que ser ingresada no hospital e operada, quedándolle cicatrices e secuelas físicas e psíquicas.
A condena inicial agora confirmada pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial declara ao acusado autor dun delito de lesións no que concorre a atenuante de dilacións indebidas -os feitos pasaron en 2012 e xulgáronse en 2019- e a agravante de reincidencia e imponlle dous anos de prisión e prohibición de aproximación a unha distancia inferior a 200 metros da súa vítima e de comunicación con ela durante oito anos. Ademais, condénalle por un delito de quebrantamento de condena coa mesma atenuante de dilacións indebidas a seis meses de prisión.