O porto colaborará coas tres universidades galegas para a realización de prácticas
Por Redacción
Alumnado do Máster Universitario en Economía das tres universidades galegas poderán facer prácticas académicas externas curriculares ou extracurriculares no porto de Marín.
A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra subscribiu un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña para a realización destas prácticas.
O presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa e os reitores Antonio López Díaz, Manuel Joaquín Reigosa Roger e Julio Ernesto Abalde Alonso asinaron este acordo de colaboración co obxectivo de fomentar o achegamento entre os ámbitos empresarial e académico, así como facilitar a futura inserción laboral dos universitarios.
As institucións asinantes pretenden favorecer a alternancia da formación teórica con prácticas de empresa para que os alumnos alcancen unha mellor cualificación e adaptación aos postos de traballo demandados polas empresas.
Para a posta en práctica deste convenio. crearase unha comisión de seguimento que será a encargada de determinar o número de prazas en cada convocatoria do máster.