A Brilat despide o seu xeneral, Antonio Romero Losada
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Autoridades civís, militares, oficiais, familiares e amigos reuníronse este xoves na base pontevedresa Xeneral Morillo para despedir ao xeneral Antonio Romero Losada, que despois de dous anos á fronte da Brilat abandona o seu posto para pasar a ser director do centro de intelixencia das Forzas Armadas.
"A vida militar é así, a marcha é por ascenso así que non me podo queixar. Vou cunha satisfacción enorme por sentirme coma se estivese na miña casa", confesou o xeneral despois de concluír de forma oficial o seu servizo á fronte da brigada Galicia VII.
O acto comezou ás 12 horas do mediodía. Na explanada da base formaban os preto de 2.500 militares que prestan servizo na base pontevedresa. Coa interpretación do himno de España a cargo da banda musical da Brilat e a entrada da bandeira no recinto, deu comezo a cerimonia castrense coa revista de Romero Losada aos batallóns.
"A Brilat é un seguro de vida para a defensa de España", declarou o máximo mando da base pontevedresa nun discurso no que deu grazas a todos os seus compañeiros, á sociedade pontevedresa e galega e ás institucións polo apoio e agarimo expresado durante esta etapa.
Unha nova interpretación do himno nacional e o desfile de todos os escuadróns saudando ao xeneral serviu para pechar o acto de despedida. A Brilat queda agora á espera do nomeamento dun novo xeneral. O sucesor aínda non está designado, pero Romero Losada espera que "a fin de mes o xeneral estea por aquí".
Entre os fitos máis destacados do servizo do xeneral en Pontevedra, lembra a recente visita da ministra de Defensa, Margarita Robles, para condecorar aos militares que evitaron un atentado na base española de Mali. "Que a nosa xente comportouse así en combate é un orgullo, non só para min, para toda Galicia", subliñou o mando militar. Pero o feito de dirixir o continxente español no Líbano "foi o fito máis importante de toda a miña carreira profesional", puntualizou.
Sobre o futuro da súa carreira, o xeneral explicou que dirixirá un departamendo dedicado a "recavar e proporcionar a intelixencia necesaria ás autoridades militares para que tomen as medidas oportunas para desenvolver os plans de operacións". Así mesmo, a Brilat segue preparándose para a súa futura misión. "No 2021 volverán á zona de operacións", avanzou o militar que quixo destacar "o duro traballo diario e a capacidade de sacrificio", de todos os militares que compoñen esta brigada.
Non quixo despedirse da súa cidade de acollida sen lanzar unha mensaxe de agradecemento aos que foron os seus veciños durante estes anos. "Pasámolo en Pontevedra de marabilla, é unha cidade moi agradable para vivir. Vivimos a lume de biqueira, estivemos en todas as festas, saímos a pasear a diario polas súas rúas. Sentímonos como na casa, moita xente tratábanos coma se fósemos de Pontevedra de toda a vida", concluíu o xeneral.