Desvelado o misterio do local xunto á ponte das Correntes
Por Redacción
Nas últimas semanas, numerosas persoas interesáronse por coñecer o nome do establecemento que vai ocupar o amplo local que durante anos acolleu a popular Tapería-Bar San Cristóbal e que levaba xa un tempo baleiro.
Un cartel anunciador dos produtos que ofrecerá a nova empresa daba días atrás unhas pistas do sector ao que pertence. Pero foi definitiva a fotografía que acompañaba a este cartel e onde se evocaba a fachada da Droguería Moderna, fundada en 1924 e que pechaba as súas portas en 2017, na Praza de Curros Enríquez.
Preguntamos na contorna da empresa, e confírmannos que o novo establecemento, na avenida de Uruguai, 29, fronte á ponte das Correntes e o Club Naval, dará continuidade ao histórico comercio.
Engaden que se buscou esta localización "pensando na comodidade para acceder en coche, para todo tipo de clientes; tanto rural, parroquias, e usuarios dos servizos e produtos que tiña este establecemento". Ademais, trátase dunha zona próxima ao centro de Pontevedra, a tan só 7 minutos a pé desde o concello, e que se atopa "en expansión, preto do centro pero tamén en unión co barrio do Burgo a través da ponte, próxima xa a súa inauguración como peonil".
Previsiblemente, cara a finais de outubro abrirá as súas portas o novo local, que conta con amplo baixo e soto, e no que estes días se ultiman os traballos, encargados á empresa pontevedresa Ecomir.
Segundo aseguran desde a dirección da empresa, manterá o espírito, a tradición, o stock e os servizos das firmas -xa coñecidas na nosa cidade- Droguería Moderna e Farmacia Esteban, con máis espazo e maior accesibilidade.
Relacionadas:
-
Se as pulgas, serpes ou lepismas ameazan o teu fogar, Farmacia Esteban Droguería ten a solución
Por Noticia patrocinada |
-
Un farmacéutico pontevedrés ten a receita para acabar coas 'pombas-okupa' do Mercado
Por María José Pita |
-
Debería reabrir a Droguería Moderna? Opina
Por Redacción |
-
A emblemática Droguería Moderna, fin dunha era
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |