Os turistas que se aloxan en Pontevedra creceron un 15,1% en xullo e agosto
Por Redacción
O número de viaxeiros aloxados no verán na cidade de Pontevedra chegou ata un 15,1% máis que os que nos visitaron nos meses de xullo e agosto de 2018. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Estes datos triplican a media de toda a provincia de Pontevedra que, segundo estes mesmos rexistros, creceu un 4,8% en total.
O comportamento da demanda turística na provincia foi "moi positivo", destacou o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, porque non só se incrementou a cifra de viaxeiros aloxados senón tamén o volume de noites, nun 5% de media.
A demanda crece tanto en pensións como en apartamentos turísticos -ata un 20% nestes dous casos-, en turismo rural e en hoteis.
O 87% da demanda na provincia correspóndese a establecementos hoteleiros, unha cifra que engloba aos hoteis e as pensións. A porcentaxe restante fica entre os apartamentos turísticos, cun 9%, e os establecementos de turismo rural, cun 4%.
Os datos do INE reflicte como medrou tanto o turismo nacional, un 3,1%, como o internacional, cunha alza do 10,3%. Este verán é o mercado receptor nacional o de maior peso na provincia, xa que absorbe o 63% do total da demanda. O 20% corresponde ao turismo interno e o 17% ao internacional.
Tras o crecemento do 15,1% da cidade de Pontevedra, que chegou ás 64.995 pernoitas durante xullo e agosto, situouse o concello de Sanxenxo. A vila do Salnés, unha das referencias turísticas de Galicia, incrementou o número de viaxeiros aloxados en case un 6%, o que se traduciu nunha espectacular cifra de 434.445 estancias.