Abre o prazo de alegacións á ordenanza de terrazas de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Desde este xoves día 10 e ata o próximo 31 de outubro, os veciños e hostaleiros de Sanxenxo poderán facer as suxerencias e alegacións que consideren oportunas ao borrador de ordenanza de Terrazas.
Unha vez pechado o prazo, estudaranse as alegacións e solicitaranse os informes previos á celebración da comisión de urbanismo. Despois levará a Pleno para a súa aprobación e posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia, momento no que entrará en vigor.
A ordenanza non supón variación algunha na taxa por ocupación de espazo público que vén pagando ata o de agora. Recolle toda a normativa sobre o uso dos espazos públicos, como a Directiva de Servizos da Unión Europea e a lexislación española que se deriva desta, como a Lei de accesibilidade e a coñecida como Lei Omnibus.
Ten 23 artigos, 2 disposicións e 1 anexo.
Entre outras circunstancias, a ordenanza distingue entre terrazas de hostalería e ocupacións de feiras e eventos gastronómicos e diferencia varios tipos de ocupación: terraza normal, cuberta e velador.
Ademais establece os espazos que deben quedar sempre libres, limita os emprazamentos, beirarrúas de máis de 3 metros e obrigación de deixar libre un mínimo de 1,8 metros, establece en que casos se poden instalar plataformas e regula a retirada e limpeza diaria, así como a instalación de aparellos como calefactores, toldos, antucas e biombos.
Prohibe altofalantes e futbolines e establece a vixencia da licenza, un ano natural e entenderase prorrogada se ningunha parte comunica o contrario antes de 1 de marzo.
Tamén marca as contías das faltas, entre aquelas leves (de 150 a 600 euros), as faltas graves (601 a 1.500 euros) e faltas moi graves (entre 1.501 a 6.000 euros).