Sanxenxo habilita un estanque para atraer aves e anfibios a Punta Vicaño
Por Redacción
O goberno municipal continúa realizando melloras no parque de Punta Vicaño e, sen dúbida, unha das máis rechamantes será a de habilitar un estaque con especies vexetais acuáticas, que busca atraer máis aves e anfibios a este espazo natural.
As actuacións encargadas pola concellería de Medio Ambiente teñen un orzamento de 48.300 euros e realizaranse ao longo dos 22.000 metros cadrados do parque.
O estanque estará situado na zona intermedia do parque. A auga partirá dun pozo xa existente e seguirá o seu curso aproveitando a pendente xerada cuns chanzos ata chegar ao estaque, que terá unha superficie de 80 metros cadrados.
Terá diferentes profundidades e unha rica variedade de especies vexetais acuáticas, segundo explica o Concello, que destaca que a presenza de auga mellorará o ecosistema existente, sendo un elemento de atracción para certas especies animais que poderán enriquecer e diversificar a contorna.
Ademais, o Concello encargou a restauración dun sendeiro no que se está regularizando o firme e instalando traveseiros de pedra rústica para evitar a súa descomposición, conténdoo transversalmente e resolvendo o problema de evacuación de augas con outros traveseiros instalados de maneira oblicua.
Este novo proxecto pretende avanzar cara a conservación, a reposición e a restauración do ambiente e o reequilibrio do Parque Vicaño, que actúa como un pulmón verde para os núcleos de Sanxenxo e Portonovo.