Multas de ata 400 euros por cuspir e mexar na rúa ou por despedidas de solteiro "escandalosas"
Por Alejandro Espiño
Moito ollo! Sanxenxo endurece as súas sancións polos comportamentos incívicos que se produzan no municipio. O borrador da nova ordenanza de convivencia cidadá xa se atopa exposta ao público e, durante un mes, poderanse facer alegacións.
A aprobación desta ordenanza, que consta de 37 artigos e tres disposicións, pretende fomentar condutas cívicas, protexer os bens e espazos públicos, corrixir as actuacións contrarias aos valores cívicos e facilitar a rehabilitación dos infractores.
Esta ordenanza controlará e sancionará a deterioración dos bens públicos, os grafismos e as pintadas, así como os danos en parques, xardíns públicos, papeleiras, contedores e fontes, a publicidade non autorizada e as actuacións contrarias ao uso normal dunha vía e dos espazos públicos, entre outros comportamentos.
Así, será unha infracción moi grave -o que supoñerá unha sanción de 401 a 600 euros-, a queima de contedores, arrincar árbores, impedir o funcionamento dun servizo público e danar sinais entre outros.
A ordenanza cualifica de infracción grave facer necesidades fisiolóxicas nos espazos públicos. Cuspir, ouriñar ou defecar serán accións que incrementan a súa sanción de 90 a 201 euros e, se se realizan en espazos concorridos ou frecuentados por menores, en monumentos ou edificios protexidos, a sanción poderá chegar ata os 400 euros.
Tamén se contempla como infracción grave comportamentos de grupos de persoas que con motivo de despedidas de solteiro ou outras celebracións alteren a convivencia e a orde pública e serán sancionadas con multas que poden oscilar entre os 201 e os 400 euros, igual que os episodios de exhicionismo.
As infraccións consideradas como leves terán unha multa de 30 a 200 euros, en función de cada caso en particular. Entre elas atópanse, entre outras, condutas como perturbar o descanso dos veciños, disparar petardos ou foguetes sen autorización, lavar vehículos na vía pública, bañarse en fontes e estanques, tirar lixo na rúa, danar os xardíns ou realizar grafitis.