Marín xa ten plan de prevención de incendios
Por Redacción
O Pleno Municipal de Marín aprobou este xoves cos votos a favor do PP, BNG e a abstención do PSOE, o primeiro plan municipal de prevención de incendios forestais. O proxecto, elaborado pola empresa Seaga e a través dun convenio coa Xunta e a Fegamp ao que deben adherirse todos os concellos, entrará agora en fase de exposición ao público e o obxectivo é que entre en vigor na primavera do 2020.
O concelleiro de medio rural, Pablo Novas, precisou que a primeira fase do plan consiste na creación de franxas secundarias de seguridade de 50 metros con respecto a núcleos rurais libres de maleza e especies pirófitas. A segunda fase centrarase en dar protección a vivendas illadas e redes viarias.
Co obxectivo de desenvolver os plans municipais, Seaga pon ao dispor dos concellos a aplicación Xesbio, a través da que o goberno local poderá introducir de forma informatizada todos os datos das referencias catastrais que se verán afectadas polo novo plan municipal. Así poderán enviar as notificacións aos propietarios de leiras para que as limpen en caso de atoparse dentro do límite de 50 metros.
Doutra banda, o Pleno aprobou tamén o calendario laboral para o 2020 que terá como festivos locais o 16 de xullo, día do Carmen; e 8 de setembro, dia da Virxe do Porto.