Os alumnos do CEIP Montemogos de Bueu fórmanse en seguridade viaria
Por Redacción
Os escolares do CEIP Montemogos de Bueu forman parte desde esta semana da campaña da Xunta 'O corazón está do teu lado', que ten como obxectivo fomentar hábitos responsables nas estradas entre os máis pequenos.
Os alumnos iniciáronse nas actividades propostas nas unidades didácticas coas que tamén traballarán co profesorado ao longo do curso.
Todo iso para sensibilizarse da relevancia da seguridade viaria e do respecto ás normas de circulación.
Esta iniciativa da Consellería de Infraestruturas, coa colaboración de Educación, está dirixida a nenos de 6 a 12 anos coa intención de chegar entre o pasado curso e o presente a 40 centros escolares.
O programa, incluído dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, ten como meta explicar e ensinar aos nenos a marxe da estrada polo que deben camiñar, sempre pola esquerda, polo lado do corazón, empregando as sendas peonís, ademais de cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.