O helicóptero medicalizado do 061 evacúa unha condutora que bateu contra un muro en Caldas
Por Redacción
Unha muller foi evacuada este sábado de urxencia polo helicóptero medicalizado do 061 tras sufrir un accidente de circulación en Caldas de Reis.
O suceso tivo lugar ao redor das 9:15 horas da mañá á altura do quilómetro 2 da estrada PO-221, en Castrelo.
Segundo relata o 112 Galicia, tratouse dunha saída de vía que levou ao turismo que conducía a muller a bater contra o muro dunha casa.
Como consecuencia do impacto a condutora quedou atrapada no vehículo, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Vilagarcía e membros do GES.
A situación púxose ademais en coñecemento do 061, que mobilizou a aeronave para trasladar á ferida ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
A Garda Civil de Tráfico e a Policía Local, coa colaboración do persoal de mantemento de estradas, afanáronse en garantir as condicións de seguridade na vía e prestar apoio ao equipo médico do helicóptero.