Os cacos desvalixan un piso na Rúa do Castañal: "Foi xente profesional"
Por Diego Espiño
Os amigos do alleo volveron a actuar en Pontevedra cun roubo que lembra aos das bandas internacionais.
"Ha sido gente profesional", relata a PontevedraViva a vítima do asalto, unha muller veciña da pontevedresa Rúa do Castañal.
Segundo este relato, unha veciña alertoulles ao redor das 21:15 horas deste venres 11 de outubro de que a porta da súa casa estaba aberta, algo que "era imposible porque sempre lle damos dobre volta á fechadura". Con todo así era, e os cacos acaban de desvalixar a vivenda levando xoias, diñeiro e aparellos electrónicos de valor. "Van a por esas cousas, todo o que pillaron", aínda que sen revolver en exceso a vivenda.
"Viron entrar no portal a unha veciña e por iso creo que marcharon", explica a vítima, que bota en falta "un reloxo de ouro, pendentes, aneis..."
O método que terían utilizado os ladróns sería o coñecido como 'bumping', co que conseguen abrir fechaduras de seguridade sen necesidade de chave, segundo explicáronlle os efectivos da Policía Nacional que acudiron á chamada de auxilio tras o suceso. Tamén acudiron ao piso axentes da Policía Científica, pero "non había pegadas. Usaron luvas", explica a muller aínda co susto no corpo e sen querer facer público o seu nome.
Tal foi a inquietude xerada que nin ela nin a súa filla pasaron a noite na casa, aínda que "nos dixeron que o máis seguro é que non sexan de Pontevedra", sinala en relación aos ladróns.
A Policía Nacional realizou un atestado e xa investiga o sucedido, pero emprazaron á vítima para presentar a pertinente denuncia despois duns días para facer reconto de todo o que bota en falta da súa vivenda.