Comezan a renovar o parque infantil da Rúa Bélxica en Monte Porreiro
Por Redacción
O parque infantil situado na Rúa Bélxica, en Monte Porreiro, sufrirá nas próximas semanas un lavado de imaxe.
Os traballos para a súa renovación comezaron xa, cun proxecto deseñado pola Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento do Concello contempla a revisión do estado de conservación do peche perimetral, a substitución de parte do pavimento e o arranxo dos xogos que se atopan en malas condicións polo uso.
Segundo explicou o concelleiro responsable, Iván Puentes, estes labores supoñerán un investimento de 2.795,44 euros e desenvolveranse nunha área de lecer “moi concorrida polas nenas e nenos do barrio".
Ademais desta actuación, o goberno local asinou esta mesma semana a contratación dun plan destinado á supervisión e avaliación do estado de conservación de varios parques infantís de Pontevedra, un plan que sinalan fará especial fincapé na súa adaptación á normativa vixente en materia de seguridade.