Unha semana pasada por auga
Por Redacción
O outono, agora si, chegou ás Rías Baixas para quedar obrigando a sacar o paraugas.
Así o demostra a previsión meteorolóxica para a semana que comeza este luns 14 de outubro, e é que a auga será a principal protagonista.
"Agárdanse precipitacións todos os días", avanza MeteoGalicia para a primeira metade da semana, aínda que a inestabilidade prolongarase polo menos ata a fin de semana, con posibilidade de que o domingo se experimente unha lixeira melloría.
O servizo de predición meteorolóxica fala para luns, martes e mércores de "alternancia de períodos de ceo moi nubrados con outros con nubes e claros", pero en todo caso sempre coa aparición da choiva. En canto ás temperaturas roldarán os 18-19 graos de máxima, mentres que as mínimas poden baixar o martes ata os 10 graos centígrados.
En canto á segunda parte da semana "Galicia permanecerá na influencia de borrascas atlánticas", polo que aínda que as choivas serán en principio de menor intensidade "a probabilidade de precipitación será alta debido á entrada dalgunhas frontes polo noroeste", sinala MeteoGalicia.