O primeiro temporal do outono deixa pequenas incidencias
Por Redacción
O primeiro temporal do outono ocasionou algunhas incidencias leves nos municipios da contorna.
Así, en Marín a máis destacable foi a caída dunha árbore en Chan de Piñeiro, entre o campo de fútbol e O Igrexario, en San Tomé de Piñeiro. Tamén caeu outra árbore en Cidrás, afectando ao alumeado público, que será reparado á maior brevidade posible.
Algunha arqueta tamén sufriu as consecuencias das intensas chuvias que se rexistraron durante a mañá.
Este foi o caso do acontecido no concello de Sanxenxo onde o servizo de Emerxencias tivo que abrir as arquetas para evacuar a auga acumulada na calzada de xeito mais áxil. Isto pasou en Baltar, preto da piscina municipal e tamén no Paseo de Silgar e na avenida de Madrid.
No centro de día de Sanxenxo entrou a auga polas ventanas da sala de fisioterapia debido a que o canalón estaba obstruido.
LIMPEZA DAS MARXES DOS RÍOS
O Concello de Marín está levando a cabo os traballos de limpeza das marxes e dos fondos dos recursos hidrográficos do municipio, coa fin de mantelos en bo estado, libres de maleza e de especies invasoras, que poidan romper o equilibrio dos ecosistemas fluviais.
A pasada semana, rematáronse estas labores no río Lameira e agora se está levando a cabo estes traballos no Río Lameiriña, desde Ponte Zapal á ponte de Coirados, incluíndo o rego que pasa por detrás do CEP Sequelo e no río da Moita, desde a ponte do Camiño do Peso ata o entronque coa rúa Inferniño.
Tamén se está traballando no río Cachadiñas, desde a ponte de Cadrelo ata a última mina en Pastoriza e no río Casás, desde a Praia do Santo ata debaixo da ponte da estrada xeral que une Marín con Bueu.
Para facer estas actuacións, o Concello conta coa autorización de Augas de Galicia, organismo do que depende o control do mantemento destes recursos naturais nos concellos galegos.