Dous feridos graves tras unha colisión múltiple na vía rápida que une Cambados con Vilagarcía
Por Redacción
Aparatoso accidente de circulación o acontecido á primeira hora deste martes na vía rápida que une as localidades de Vilagarcía de Arousa e Cambados, a VG-4.3, ao seu paso por esta última localidade.
No suceso, que tivo lugar ao redor das 8:30 horas da mañá, víronse implicados ata tres turismos nunha colisión múltiple, resultando dúas persoas feridas de "diversa consideración" nos dous autos que impactaron de maneira frontal, informa o 112 Galicia.
Como consecuencia do impacto, os feridos quedaron atrapados no interior dos seus coches, polo que foi necesaria a intervención dos bombeiros do Salnés para rescatalos e ser atendidos polos equipos sanitarios desprazados ao lugar.
Segundo o Centro de Atención ás Emerxencias, as dúas persoas que foron excarceradas dos seus vehículos foron evacuadas polo 061, unha delas ao centro de saúde de Cambados e a outra ao centro hospitalario de referencia.
O accidente foi de tal consideración que foi necesario cortar a estrada ao seu paso por Corbillón, polo que a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Cambados desviaron a circulación pola PO-549 durante o tempo que durou a intervención dos equipos de emerxencia, así como a retirada dos coches e a limpeza da vía.