Rebordelo reclama máis atención por parte do Concello
Por Oskar Viéitez
Representantes do Partido Socialista en Cerdedo-Cotobade recolleron as queixas de Comisión de Montes de Rebordelo que reclaman máis atención por parte do Concello respecto a esta parroquia.
En concreto dirixen as súas críticas ao alcalde Jorge Cubela ao que reprochan a súa "falta de implicación e de toma de decisións". Os socialistas aseguran que os veciños desta parroquia están "fartos" da falta de resposta do rexedor a todos os problemas que lle expoñen.
Citan como exemplo o uso do parque infantil e da zona de merendero da Carballeira, que son usadas "para aparcar vehículos e mesmo para ter animais soltos, cabalos concretamente". Esta circunstancia foi denunciada no xulgado.
Tamén se informou ao concello dos peches con cancelas e aramado de pico de pistas da parcelaria onde existe gañado pastando polas leiras, e o bloqueo dos accesos aos veciños propietarios que queren acudir aos seus terreos.
Desde a agrupación socialista de Cerdedo-Cotobade acusan o goberno local do Partido Popular de "mira cara a outro lado" e de actuar "pensando nos seus intereses e evitar desta maneira confrontacións coas persoas que fan mal uso destes espazos públicos".
Outra queixa refírese á "falta de palabra do alcalde Jorge Cubela" por incumprir o seu compromiso de substituír o peche da praia fluvial do Pozo negro, "actualmente nunha situación lamentable".
A Agrupación Socialista esixe un "compromiso firme" con esta parroquia por parte do alcalde, así como "poñer fin a estes anos de esquecemento ou de dar as costas aos nosos veciños de Rebordelo".