Cerdedo-Cotobade creará un humidal artificial ecolóxico como sistema de depuración de Paraños
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai dotar ao lugar de Paraños, na parroquia de Carballedo, dun sistema de depuración de augas residuais que dará servizo á rede de saneamento existente, pero vai facer dunha maneira inédita ata a data en Galicia, xa que se vai a crear un humidal artificial de carácter ecolóxico para tratar estas verteduras de orixe doméstica.
O goberno local asegura que se trata dunha iniciativa ambiental que foi probada con éxito en diferentes países europeos "que se caracteriza pola súa eficiencia, baixo custo, mínima afección á paisaxe e ao medio natural e sustentabilidade".
A obra para a súa creación acaba de ser adxudicada á empresa Caldevergazo, cun orzamento de 60.000 euros e un prazo de execución de tres meses.
Este humidal artificial, aseguran, permitirá corrixir o deficiente sistema de depuración actual e terá capacidade para atender a unha poboación duns 150 habitantes, xa que se trata dunha solución "moi competitiva" en termos de eficiencia para pequenos núcleos de poboación, como é o caso de Paraños.
Segundo explica Cerdedo-Cotobade, o proxecto consiste na creación dun espazo que reproducirá, de maneira controlada, os procesos de depuración que ocorren nos humidais naturais, sen necesidade de utilizar produtos químicos de maneira habitual e producindo poucos lodos. Ademais, o seu mantemento é escaso ao non existir dependencia tecnolóxica, sendo necesarias simplemente comprobacións periódicas. A todo iso súmase a súa integración coa paisaxe e a ausencia de cheiros e insectos, aseguran.
O sistema de depuración situarase nunha parcela de 1.256 metros cadrados e consistirá nun dobre tratamento a través dun tanque séptico con capacidade para 30.000 litros e un humidal artificial de 99 metros con aireación forzada. Tamén se construirán pozos de rexistro, arquetas, tubaxes, peche perimetral e aparcamento.
A pesar de que o proxecto se pon en marcha con atraso para adecuarse a un cambio técnico proposto, o alcalde, Jorge Cubela, mostrou a súa satisfacción incidindo en que "apostamos por novos sistemas de depuración que sexan moito máis asumibles para as arcas municipais en termos de construción, mantemento e enerxía e que ademais sexan o máis respectuosos e estean o máis integrados posible no noso medio natural", sinalou.
Relacionadas:
-
O saneamento de Parañós xa se trata a través dun innovador humidal artificial
Por Redacción |
-
Conclúen as obras de creación do humidal artificial ecolóxico de Paraños que depurará augas residuais
Por Redacción |
-
Os orzamentos de 2020 primarán o emprego, os servizos sociais e os investimentos
Por Redacción |
-
Aempe aposta polo desenvolvemento industrial en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Finalizan as obras do Plan de Vias de Carballedo
Por Redacción |