Taxas e impostos non subirán en 2020: Pontevedra conxélaos por sexto ano consecutivo
Por Alejandro Espiño
Pontevedra conxelará un ano máis todas as taxas e impostos que cobra o Concello. O edil de Facenda, Raimundo González, anunciou este mércores esta medida, unha das primeiras decisións que había que tomar para a elaboración dos orzamentos municipais de 2020.
Para o próximo ano, por tanto, estarán vixentes as mesmas ordenanzas fiscais de impostos e taxas, ata 27 diferentes. Todas elas, destacou o edil do BNG, permanecen "inalterables" desde 2014, xa que "nin sequera" se subíu o IPC.
De actualizarse o custo destas taxas e impostos co IPC, segundo González, nos últimos cinco anos o incremento tería que ser dun 3,5%, o que reportaría ás arcas municipais uns dous millóns de euros anuais.
"Non é unha cuestión de contía senón de principios. Hai una firme decisión de que non se incremente a presión fiscal", engadiu o responsable de Facenda, que se mostrou favorable a aumentar a recadación pola vía das inspeccións para detectar fraudes.
Así, para 2020, ademais de comezar a recadar a taxa que pagarán as empresas de telefonía, gas ou electricidade pola ocupación da vía pública, o Concello impulsará inspeccións no IAE, o imposto de actividades económicas que pagan as empresas cunha facturación superior ao millón de euros; e no censo de saneamento e lixo.
O concelleiro nacionalista apuntou que, segundo os datos do propio Ministerio de Facenda, Pontevedra ten unha das presións fiscais "máis baixas" das capitais españolas.
A "segunda pata" na elaboración das contas municipais para 2020 será fixar a partida correspondente a persoal. Raimundo González avanzou que, "con independencia" de que sexa aprobado polo Goberno, o Concello contempla a subida salarial do 2% acordada polo executivo central cos sindicatos.
Ademais, con respecto ás transferencias do Estado, a inestabilidade política e a falta de orzamentos xerais "complica" os cálculos, pero o goberno municipal traballará coa previsión de recibir preto de 19 millóns de euros, a mesma cantidade recibida este ano.
Relacionadas:
-
Pontevedra terá en 2020 un orzamento de 79,3 millóns: "Son excelentes", din BNG e PSOE
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Ciudadanos esixe que se presenten "inmediatamente" os orzamentos para 2020
Por Redacción |
-
Pontevedra confía en alcanzar a 'débeda cero' antes de que remate o mandato
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello inicia os "traballos previos" para elaborar o orzamento municipal de 2020
Por Alejandro Espiño |