A Lama quere impulsar o servizo da Casa Niño
Por Redacción
O tenente de alcalde da Lama, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, mantiveron un encontro de traballo coa directora da Casa Niño, María Canda Falcón, para coñecer e potenciar os servizos que se ofrecen no municipio a través desta iniciativa financiada pola Xunta de Galicia.
Na actualidade a Casa Niño da Lama conta con cinco cativos, con idades comprendidas entre os tres meses e os tres anos, o máximo que contempla a normativa para que se podan acoller a este servizo que busca axudar ás familias a conciliar a vida laboral coa persoal e ao tempo que tamén se fomenta a axuda á natalidade nas zonas do rural.
María Canda Falcón, responsable da Casa Niño da Lama, explicoulles aos representantes municipais o funcionamento deste servizo para as familias do municipio, que dispoñen deste servizo de luns a venres en horario de 7:30 a 15:30 horas, aínda que non é obrigado que estean todo o tempo xa que se poden recoller aos cativos antes das 15:30 horas.
A Casa Niño está instalada na antiga Casa do Conserxe, nas inmediacións do centro educativo, en pleno centro da Lama, e os representantes municipais estiveron analizando coa responsable do servizo a necesidade de acometer algunhas melloras e incluso pintar as paredes exteriores con debuxos infantís para mellorar a imaxe do edificio e facelo máis acaído á súa función.
Esta xuntanza enmárcase dentro das que se están realizando por parte do alcalde e membros do equipo de goberno con colectivos e institucións co fin de coñecer mellor a realidade e as necesidades da veciñanza, especialmente os máis cativos, en materia educativa, asociacionismo sociocultural e deportivo, comunidades de montes, comunidade escolar ou a ANPA.